Queremos convidarvos a participar na primeira acción conxunta entre "Ponte …nas Ondas" e a Asociación Internacional de Radios Educativas (AIRE)
Dende 1999 vimos desenvolvendo accións conxuntas entre ambas organizacións, sempre a partires da proposta e iniciativa dalgunha delas. Así, existen no noso historial común, transmisións internacionais en simultáneo dende Europa e América Latina, participacións a través de audio-visuais ou vídeos en transmisións especiais, conexións vía SKYPE e outras máis. De calquera xeito, recentemente, no pasado mes de Abril, no transcurso do Congreso “Pontes de Cultura, Pontes de Futuro” desenvolvido nas cidades de Vigo (Galiza) e Melgaço (Portugal), surxíu a idea, e a necesidade, de desenvolver e entrelazar experiencias e obxectivos comúns en conxunto.
Naceu así a iniciativa “Puente de Mares, Pontes de Aires”, impulsada e promovida tanto por “ Ponte nas….Ondas!”, na Galicia e o norte de Portugal, coma por AIRE, na América Latina, por termos unha raíz en común.
A idea é simple e sinxela: usando as pontes de comunicación que nos brindan as actuais tecnoloxías queremos desenvolver co alumnado pezas breves de audio e de vídeo que se refiran á conservación do Patrimonio Oral Común, iso que nos identifica coma humanos: a fala.
Conservar a pronuncia, as palabras e a cadencia de cada lingua. Permitir que volvan atravesar os mares e sexan oídas noutros lugares e sigan viaxe para que no final nenos e nenas doutras terras lles poñan imaxe e cor para poder compartilas cos demais.
“Puente de mares, Ponte de Aires” propón rescatar historias locais, mitos urbanos, lendas antigas da súa localidade que podan seren contadas nun minuto; logo só será preciso que nolas queiran contar. Estas historias recollidas viaxarán miles de quilómetros para que outros nenos e nenas as podan recrear en imaxes, e volverán viaxar para que no final deste triángulo de cultura quede gravado nun vídeo que todos podamos ver.
Queremos convidar a tódolos docentes, nenos e nenas de moitas cidades da Galiza, norte de Portugal, PALOPS, España, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Nicaragua e Cuba, de momento, a mobilizárense na procura de historias, a capturalas nun momento e, nas voces dos pequenos, deixar que viaxen polo aire cruzando estas “Puentes de Mares, Pontes de Aires”.
Dende xa, quedades todos e todas moi cordialmente convidados a participar.
Santiago Veloso Walter Marcelo Blas Presidente Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas…Ondas! Director Asociación Internacional de Radios Educativas